O GOBERNO DE NIGRÁN FACILITOU INFORMACIÓN FALSA NA REUNIÓN DO CONSELLO SECTORIAL

Dixo descoñecer a existencia dunha modificación das normas do Plan do Porto de Molle, cando o Concello de Nigrán solicitou o 6 de abril deste ano iniciar a súa avaliación ambiental.

Nos seguintes enlaces pódese descargar a documentación relativa a esta modificación.

Documento de consultas.

Documento ambiental estratéxico

Borrador Modificación Singular nº2 do Plan de Sectorización do Parque Empresarial Porto de Molle.

NIGRÁN DECIDE publica no seu BLOG nigrandecide.wordpress.com o borrador da segunda modificación  singular do plan de sectorización do Parque empresarial terciario de Porto do Molle do Concello de Nigrán, que desde o 10 de abril de 2017 até o 12 de xuño de 2017 está en período de exposición pública xunto co documento ambiental estratéxico de dita modificación.

A pesar de que, segundo o documento de consultas publicado na web da Xunta de Galicia referido a esta modificación indica que o día 06/04/17 o Concello de Nigrán solicitou á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio iniciar a avaliación ambiental estratéxica simplificada desta modificación, o Goberno Municipal, a través do alcalde e do concelleiro de urbanismo, afirmou descoñecer a súa existencia na reunión do Consello Sectorial celebrada o mércores 10 de maio cando preguntou por ela o voceiro do noso grupo municipal.

Para NIGRÁN DECIDE, este feito é gravísimo xa que pon de manifesto que, sexa por ignorancia ou con animo de enganar a todos os colectivos sociais presentes na reunión do Consello Sectorial, o goberno municipal non facilita información veraz e correcta sobre un tema tan sensible para Nigrán e toda a súa veciñanza como é todo o relacionado co urbanismo, sinala José Cuevas, voceiro de NIGRÁN DECIDE, para continuar preguntándose que confianza pode transmitir este goberno en temas estratéxicos como os relacionados co urbanismo, se non nos podemos fiar da información que nos facilita.

Por último sinalar que NIGRÁN DECIDE pedirá explicacións no próximo pleno para saber se o goberno mentiu conscientemente ou se a súa incapacidade de xestión chega aos límites de descoñecer realmente o que pasa no departamento de urbanismo.

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

NIGRÁN DECIDE ESIXE A INMEDIATA CONVOCATORIA DAS SUBVENCIÓNS PARA ACTIVIDADES CULTURAIS, DEPORTIVAS, FESTEIRAS E VECIÑAIS

Xa hai case dous meses que a convocatoria foi aprobada no pleno, mentres o ano pasado só se tardou 15 días en convocalas desde a súa aprobación.

NIGRÁN DECIDE esixe a inmediata convocatoria das subvencións para actividades culturais, deportivas, festeiras e veciñais aprobadas no pleno celebrado o 29 de marzo de 2017, hai case dous meses, para que os colectivos de Nigrán poidan programar as súas actividades sabendo as axudas que van recibir do Concello.

No pleno do mes de abril, a preguntas do grupo municipal de NIGRÁN DECIDE, o alcalde sinalou que aínda no foran convocadas as subvencións este ano, pola necesidade de que fosen publicadas na base nacional de subvencións, trámite para o cal non é necesario esperar case dous meses.

Hai que lembrar que o ano pasado as subvencións para estas actividades foron convocadas o día 13 de maio de 2016 mediante a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, só 15 días despois da súa aprobación no pleno, sen que foran remitidas a dita base de datos para a súa publicación, requisito que tampouco cumpriu o concello na convocatoria das becas para realizar prácticas na oficina municipal de turismo, xa que actualmente so están publicadas as bases do segundo plan de becas municipais na base de datos de subvencións.

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

NIGRÁN DECIDE SOLICITA QUE NO ESTUDO DE MOBILIDADE DE NIGRÁN SE INCLÚA O TRANSPORTE PÚBLICO INTERPARROQUIAL.

O Alcalde anunciou no pleno deste xoves a realización dun estudo de mobilidade para complementar a documentación do PXOM, tal como solicitaba NIGRÁN DECIDE.

No pleno da Corporación de Nigrán celebrado este xoves o goberno municipal anunciou a contratación da elaboración dun estudo de mobilidade para complementar a documentación do PXOM.

É por iso polo que este venres o grupo municipal de NIGRÁN DECIDE presentou unha solicitude para que dito estudo se oriente tamén a establecer as necesidades de transporte público entre as diferentes parroquias de Nigrán, que actualmente teñen un servizo deficitario.

O deficiente transporte público entre as parroquias de Nigrán é un problema para a maioría da veciñanza, especialmente nas parroquias do interior, aínda que non exclusivamente delas, sinala José Cuevas, voceiro de NIGRÁN DECIDE.

Aínda que polo seu tamaño o Concello de Nigrán non ten a obriga de prestar o Transporte colectivo urbano de viaxeiros, dadas as características de dispersión e afastamento das diferentes parroquias, NIGRÁN DECIDE considera que o Concello debería intervir neste tema. Este estudo debería servir de base para a adopción de medidas para mellorar o transporte colectivo de viaxeiros por parte do Concello, coa colaboración doutras administracións, finaliza Cuevas.

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

O PLENO DE NIGRÁN SOLICITA A REVISIÓN DA REGULARIZACIÓN CATASTRAL

Aprobada por unanimidade a moción de NIGRÁN DECIDE na que se pedía que se anulen as notificacións da regularización catastral onde non se describen os feitos e os coeficientes que a motivan.

A moción presentada por NIGRÁN DECIDE pide ao goberno de Nigrán que solicite ao Catastro a anulación de todos as notificacións que non estean suficientemente motivadas, realizadas no procedemento de Regularización Catastral que se está aplicando no Concello de Nigrán. Na práctica son todas as notificacións, pois ningunha está motivada con referencia aos feitos que producen a alteración do valor catastral nin están identificados todos os coeficientes correctores aplicados, tal como di a lei do Catastro, o que na opinión do pleno poden dar lugar á indefensión dos interesados ao descoñecer, moitos deles, a razón pola que se lles aplica. A isto hai que engadirlle que son numerosos os erros que o noso grupo municipal está detectando nas notificacións cunha grande incidencia no valor catastral dos inmobles, como poden ser a antigüidade da vivenda e a superficie dos inmobles.

O Goberno Municipal e o Alcalde de Nigrán non poden actuar con relación á regularización catastral como se fose un problema alleo ao seu goberno e á veciñanza de Nigrán, sinala José Cuevas, voceiro de NIGRÁN DECIDE, polo que decidimos presentar esta moción para defender e informar á veciñanza neste procedemento.

NIGRÁN DECIDE continuará informando á veciñanza mentres o goberno municipal non habilite a oficina de información catastral acordada no pleno de onte.

Na moción tamén se solicita ao goberno de Nigrán habilitar unha oficina de información catastral cun horario amplo (mañá e tarde) para asesorar e informar á veciñanza sobre o mesmo. Cómpre lembrar que desde o 3 de marzo é o grupo municipal de NIGRÁN DECIDE o único que está informando sobre a regularización catastral, polo que mentres non se poña en marcha por parte do Concello a oficina de información que se aprobou crear no pleno, continuaremos respondendo as consultas que se nos formulen a través do correo electrónico nigran.decide@gmail.com e, persoalmente, todos os luns do mes de abril (coa excepción do de semana santa) no segundo andar do Centro da Terceira Idade da Ramallosa.

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

APROBADAS POR UNAMINIDADE AS BASES DAS SUBVENCIÓNS EN NIGRÁN

O grupo Municipal de NIGRÁN DECIDE foi felicitado polo Alcalde polo traballo realizado neste tema.

O pleno do Concello de Nigrán celebrado este mércores aprobou por unanimidade as bases para subvencións de fomento do deporte e actividades deportivas, culturais e fomento do asociacionismo e actividades festeiras.

Estas bases foron aprobadas despois de que o pleno de xaneiro rexeitase, a iniciativa do noso grupo, as propostas polo goberno, pois eran continuistas con relación ás de anos anteriores, nas que só se concedían subvencións en torno ao 30 por cento do orzamentado.

Despois de analizar todos os expedientes das subvencións destes dous últimos anos, o noso grupo municipal chegou á conclusión de que o problema era a estrutura das bases, polo que decidimos presentar unha alternativa cunha estrutura diferente ás do goberno que, despois de varias reunións nas que todos os grupos fixeron achegas á nosa proposta, foron consensuadas dando como resultado as bases aprobadas neste pleno.

O grupo municipal de NIGRÁN DECIDE foi felicitado polo Alcalde polo traballo que, sen apoio administrativo, realizou para elaborar estas bases, sinala José Cuevas, voceiro de NIGRÁN DECIDE, para engadir que a nós, e cremos que ao goberno tamén, a veciñanza nos elixiu para cambiar e mellorar Nigrán, polo que tivemos que tomar a decisión de rexeitar as bases continuistas presentadas polo goberno e asumir o risco de presentar unha alternativa.

As bases contan cunha nova estrutura na que se define cales son as actividades e os gastos subvencionables. Como novidade, non se limita a cantidade de actividades para as cales se poden solicitar subvencións, e as actividades veciñais e festeiras sepáranse en dúas liñas diferentes, unha para as festas propiamente ditas e outra de fomento do asociacionismo, establecendo neste último caso subvencións a gastos necesarios para desenvolver a actividade ordinaria dos colectivos como poden ser os derivados dos seguros de responsabilidade civil.

No caso das actividades deportivas, ademais de subvencionar a realización de actividades puntuais, proponse unha liña de subvencións para equipos que participen en competicións oficiais, chamada de fomento do deporte, para os gastos derivados da súa participación en ditas competicións, onde se valorará a cantidade de deportistas de cada entidade, especialmente das categorías de deporte base. Por último, nas actividades festeiras establécense unhas contías mínimas para as actividades das diferentes parroquias.

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

EXPOSICIÓN PÚBLICA DO DOCUMENTO AMBIENTAL ESTRATÉXICO DA MODIFICACIÓN DAS NORMAS SUBSIDIARIAS.

(Enlace á información referida á Regularización Catastral https://nigrandecide.wordpress.com/2017/02/25/nigran-decide-inicia-unha-campana-de-informacion-sobre-a-regularizacion-catastral/)

NIGRÁN DECIDE pide que se informe á veciñanza e aos colectivos sociais sobre o alcance e implicacións desta modificación, en particular nos prazos para a aprobación do PXOM.

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio somete a consulta pública por un prazo de 2 meses o documento ambiental estratéxico e o borrador da modificación singular núm. 25 das Normas subsidiarias de planeamento do Concello de Nigrán.

O prazo para formular observacións e suxestións remata o 24 de abril de 2017, despois do cal elaborarase un informe ambiental estratéxico que se fará público no Diario Oficial de Galicia antes do 20 de xuño de 2017, para posteriormente someter a información pública durante dous meses a modificación das normas aprobada inicialmente.

Todos estes prazos levan a pensar que, como mínimo, até finais deste ano non se van aprobar estas modificacións das normas subsidiarias e, polo tanto, tampouco este ano se vai aprobar provisionalmente o PXOM, afirma José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para rematar sinalando que non tería sentido modificar as normas subsidiarias se o goberno fose aprobar o PXOM en 2017.

NIGRÁN DECIDE fai públicos os documentos expostos ao público, polo que seguramente volverá ser acusado de irresponsable.

NIGRÁN DECIDE lamenta a falta de transparencia e o nulo interese en promover a participación democrática do goberno municipal no tema do urbanismo e, concretamente, nesta modificación das normas subsidiarias, polo que fará público no seu blog os documentos xa expostos ao público para que os coñeza a veciñanza. Probablemente volvérasenos acusar de ser irresponsables, pero para a nosa candidatura a transparencia e a información á veciñanza é unha máxima que levamos no noso programa electoral e que pensamos cumprir a pesar das críticas de que poidamos ser obxecto.

Segundo a documentación exposta, a modificación das normas subsidiarias, que aínda non valoramos ao estar sendo analizada polos nosos técnicos colaboradores, non se refire á clasificación ou cualificación do solo, afectando unicamente ao marco normativo especialmente no referente a cuestións como poden ser as edificacións fóra de ordenación, materiais e elementos das edificacións no referente ás condicións xerais de estética, ancho dos viais.

Trámite de consultas no Procedemento de Avaliación Ambiental Estratéxico

Documento Ambiental Estratéxico da modificación nº 25 das Normas Subsidiarias de Nigrán

Borrador da modificación nº 25 das Normas Subsidiarias de Nigrán

Publicado en Sin categoría | 1 Comentario

NIGRÁN DECIDE INICIA UNHA CAMPAÑA DE INFORMACIÓN SOBRE A REGULARIZACIÓN CATASTRAL

NIGRÁN DECIDE INICIA UNHA CAMPAÑA DE INFORMACIÓN SOBRE A REGULARIZACIÓN CATASTRAL SOLICITADA POLO ALCALDE

Facilitará modelos de alegacións e atenderá á veciñanza a través do correo electrónico e no Centro da Terceira Idade (na Ramallosa) todos os luns do mes de marzo ás, cando menos, 1.200 persoas que van recibir a notificación de regularización catastral.

NIGRÁN DECIDE inicia unha campaña de información sobre a regularización catastral solicitada polo alcalde, ao considerar insuficiente a información que se facilitou polo Concello durante o mes de febreiro.

A regularización do Catastro faise agora en Nigrán despois de que o Alcalde manifestase en outubro de 2015 á Dirección Xeral do Catastro o seu interese en que o Concello de Nigrán se incluíse no ano 2016 neste procedemento. Podemos ver a páxina 8 do documento da Dirección Xeral do Catastro (pincha aquí) que son os municipios os que fan as solicitudes.

NIGRÁN DECIDE considera que a regularización do Catastro é necesaria para que toda a veciñanza pague o IBI polo que realmente ten, pois se todo o mundo paga polo que ten poderíase baixar a contribución, para que o Concello siga tendo os mesmos ingresos; pero, pola experiencia doutros Concellos onde se realizou esta regularización, en realidade estase a facer unha revisión catastral, xa que unicamente estanse contabilizar as alteracións das características dos inmobles, que aumenten o valor catastral, excluíndo aquelas que o diminúen.

Das notificacións ás que tivo acceso o noso grupo municipal, despréndese que non se actualizan coeficientes que diminúen o valor catastral. Concretamente temos a impresión que para a maioría das construcións existentes se considera unha antigüidade de entre 5 e 9 anos e ás construcións que se incorporan por primeira vez ao catastro se lle asigna unha antigüidade menor de 5 anos.

Non só implica pagar 60 euros

As 1.200 persoas que van recibir as notificacións de novos valores catastrais ademais de pagar a taxa de regularización de 60 euros, ao aumentar o valor catastral aumenta o recibo do IBI e o Concello vai poder reclamar a diferenza nos catro últimos anos que aínda non prescribiron. Para un ben que lle aumenten o valor catastral dez mil euros, vai supoñer un aumento na contribución de 50 euros e ter que pagar atrasos de 200 euros.

NIGRÁN DECIDE pon a disposición da veciñanza modelos de alegacións

NIGRÁN DECIDE pon a disposición da veciñanza varios modelos de alegacións sobre os erros máis correntes das notificacións de novo valor catastral.

Ademais, o grupo municipal responderá as consultas que se lle formulen a través do do correo electrónico nigran.decide@gmail.com e, persoalmente, todos os luns do mes de marzo no segundo andar do Centro da Terceira Idade de A Ramallosa.

CONSELLOS PRÁCTICOS IMPORTANTES.

Débense valorar conxuntamente todos os erros existentes na notificación, non vaia ser que ao presentar unha alegación por un erro que aumente o valor, o catastro detecte novos motivos de regularización e se produza outro aumento do valor catastral.

Hai que ter en conta que algunhas alegacións van ter que ir acompañadas de documentación que pode ter un custe importante.

No caso de que xa rematara o prazo para presentar alegacións pódese presentar recurso de reposición no prazo de 30 días desde a notificación da resolución definitiva.

Alegación por falta de motivación Pincha aquí

Entre os motivos de alegación máis importantes que ten detectado NIGRÁN DECIDE está, na nosa opinión, unha motivación incompleta da proposta de resolución, xa que a lei do catastro inmobiliario indica que todas as resolucións que inclúan a determinación dun novo valor catastral deberán motivarse, entre outras cousas, coa identificación dos coeficientes correctores aplicados. (Aquí pódense ver todos os coeficientes aplicables, sendo os mais importantes os relativos á construción, especialmente o da antigüidade)

Sen embargo, nas notificacións ás que tivo acceso o grupo municipal de NIGRÁN DECIDE, non aparecen todos os coeficientes correctores aplicados, aparecendo unicamente o total dos coeficientes aplicados ao chan e á construción, sen estar identificados individualmente.

Este feito pode producir unha indefensión á veciñanza, pois descoñece a razón polo que se lle asigna un determinado valor catastral.

Alegación por erro na antigüidade Pincha aquí

Tal vez, como sinalamos antes, sexa este o erro que pode ter máis importancia á hora de determinar o valor catastral. Poñemos a continuación unha táboa coa diferenza que se podería dar para unha vivenda que non sufriu ningunha alteración e na regularización se lle asigna unha antigüidade de entre 5 e 9 anos e un valor de 50 mil euros.

Nesta táboa pódese ver aproximadamente a repercusión económica do erro na asignación da antigüidade.

cadro-exemplo

Se a construción ten unha antigüidade de 30 anos e lle poñen poñen un coeficiente do 0.92, que é o detectamos que acontece habitualmente, pagaríase de IBI 79 euros de mais tódolos anos.

Nota: A antigüidade da vivenda considerases desde a última reforma.

Erros no uso da construción Pincha aquí

Cada tipo de uso ten un valor diferente de construción, polo que un erro na asignación dun uso determinado pode ter implicacións no valor catastral. Pode acontecer especialmente con baixos lóbregos ou faiados.

Erro na superficie Pincha aquí

Neste aspecto hai que ter en conta que a superficie que se computa é a medida desde o exterior da edificación, non a superficie útil.

Erro na consideración de construción Pincha aquí

Este erro dáse cando se está considerando como construción piscinas de plástico, etc. Concretamente é o exemplo que poñemos na alegación

Erro na titularidade do ben regularizado Pincha aquí

Acontece mais frecuentemente para os bens rústicos

 

Publicado en Sin categoría | 1 Comentario

NIGRÁN DECIDE PRESENTA UNHAS BASES ALTERNATIVAS PARA A CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS

NIGRÁN DECIDE presentou este venres aos grupos municipais unha proposta de bases alternativas para a concesión de subvencións de actividades culturais, deportivas, festeiras e para o fomento do asociacionismo en Nigrán, cunha nova estrutura máis xusta, para o seu debate na comisión informativa.

As bases propostas que, por suposto poden e teñen que ser melloradas coas achegas dos demais dos grupos, teñen unha estrutura nova na que se define cales son as actividades e os gastos subvencionables. Como novidade, non se limita a cantidade de actividades subvencionables e as actividades veciñais e festeiras sepáranse en dúas liñas diferentes, unha para as festas propiamente ditas e outra de fomento do asociacionismo, establecendo neste último caso subvencións a gastos necesarios para desenvolver a actividade ordinaria dos colectivos como poden ser os derivados dos seguros de responsabilidade civil.

No caso das actividades deportivas, ademais de subvencionar a realización de actividades puntuais, proponse unha liña de subvencións para equipos que participen en competicións oficiais, chamada de fomento do deporte, para os gastos derivados da súa participación en ditas competicións, onde se valorará a cantidade de deportistas de cada entidade, especialmente das categorías de deporte base. Por último, nas actividades festeiras establécense unhas contías mínimas para as actividades das diferentes parroquias.

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

O GOBERNO MUNICIPAL VAI A TRAMITAR UNHA MODIFICACIÓN DAS NOVAS NORMAS SUBSIDIARIAS PARA NIGRÁN.

Para NIGRÁN DECIDE esta modificación supón cambios importantes nos prazos para a aprobación do PXOM

NIGRÁN DECIDE tivo coñecemento, a través da revisión dos decretos da alcaldía aprobados no mes de decembro, de que o día 28 de dito mes se adxudicou un contrato menor para a redacción dun documento inicial estratéxico. Tal documento só pode formar parte da solicitude dunha avaliación ambiental estratéxica simplificada, necesaria para as modificacións de planeamentos urbanísticos. Se o goberno municipal aínda está nesta fase para realizar unha modificación das normas subsidiarias, que é o planeamento vixente en Nigrán, e que previsiblemente tardará varios meses en aprobarse definitivamente, isto lévanos a pensar que non se vai aprobar provisoriamente o PXOM este ano, afirma José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para rematar sinalando que non tería sentido modificar as normas subsidiarias se se fose aprobar o PXOM este ano.

NIGRÁN DECIDE lamenta a falta de información respecto ao PXOM, cuestión que, e aquí coincidimos co alcalde, non é preocupación só do goberno senón de toda a corporación e a veciñanza. Por isto pedimos unha reunión da xunta de voceiros, ademais de solicitar que se convoque o Consello Sectorial, para informar da situación real da tramitación do PXOM, tanto aos grupos municipais como aos colectivos veciñais e sociais. 

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario

NIGRÁN DECIDE LLE PIDE AO GOBERNO A RETIRADA DA SÚA PROPOSTA DE BASES PARA AS SUBVENCIÓNS E ELABORE UNHAS BASES NOVAS MAIS XUSTAS

No ano 2016, a pesar de que o limite subvencionable era de 1000 euros por colectivo, houbo varios aos que se subvencionou con maior cantidade a través da caixa b das subvencións, nalgún caso até 3000 euros.

NIGRÁN DECIDE, que non cuestiona a necesidade destas subvencións, pero si a forma de concedelas, presenta unha proposta alternativa ao actual sistema de subvencións

NIGRÁN DECIDE pedirá ao goberno que retire a súa proposta de bases das subvencións, por ser continuistas das implantadas polo Partido Popular e estar deseñadas para que non se concedan na súa totalidade, e así poder repartilas de xeito opaco e caciquil, a dedo.

Coas bases actuais, no ano 2016 concedéronse menos dun 30% das cantidades previstas para subvencións de actividades culturais, festeiras e deportivas, tal como vaticinara o grupo municipal de NIGRÁN DECIDE durante o pleno no que se aprobaron, razón pola que se abstivo, ao estar configuradas para non concederse na súa totalidade, mentres o goberno municipal repartiu, na que nos denominamos caixa b das subvencións, miles del euros sen ningún tipo de procedemento transparente, nalgúns casos subvencionando a algún colectivo até 3 mil euros, cando o limite por entidade era de mil euros.

Tamén subvencionouse a colectivos que non presentaron ningún tipo de solicitude polo procedemento regulado polas bases ou que non cumprían os requisitos para acceder a elas.

A realidade é que quen coñece o procedemento opaco e caciquil de concesión de subvencións, o emprega xa que se aforra todo o traballo da tramitación burocrática, non ten prazos para a súa solicitude nin se lle limita a subvención a unha cantidade máxima, sinala José Cuevas, voceiro de NIGRÁN DECIDE, para finalizar sinalando que estase a producir unha discriminación entre os colectivos, xa que a súa concesión depende unicamente da vontade do goberno do momento, sen seguir ningún procedemento transparente e público.

As bases de subvencións que presenta o goberno para a súa aprobación neste pleno só foron modificadas na contía máxima que pode percibir unha asociación ao pasar de 1.000 a 1.500 euros e non na estrutura herdada das implantadas durante o mandato do Partido Popular, polo que o grupo municipal de NIGRÁN DECIDE considera que só se van, a conceder 30 mil euros aproximadamente, dos 72 mil orzamentados e así poder o goberno municipal continuar empregando a chamada caixa b das subvencións.

NIGRÁN DECIDE, que non cuestiona a necesidade destas subvencións, pero si a forma de concedelas, presenta unha proposta alternativa ao actual sistema de subvencións

É por estas razóns polas que, ademais de pedirlle ao goberno que retire a súa proposta de bases de subvencións, o grupo municipal de Nigrán Decide presenta unha moción para que o goberno conceda tódalas subvencións por un procedemento transparente, e elabora unhas bases nas que, ademais de non limitar tanto a cantidade que poida percibir unha asociación nin as actividades subvencionabeis, financie gastos necesarios para o funcionamento dos colectivos, como pode ser o pago da totalidade dos seguros de responsabilidade civil, propoñendo que, se é necesario se aumenten as partidas para subvencións.

O fácil para non equivocarse é non traballar, e continuar na política de subvencións actual sabendo que non funciona, sinala José Cuevas, voceiro de NIGRÁN DECIDE, para continuar sinalando que “o noso grupo municipal, asume a responsabilidade de presentar unha proposta alternativa, aínda que corramos o risco de equivocarnos”

Publicado en Sin categoría | Deja un comentario